Que é a Casa dos Espellos?
"Revista poliédrica da cultura galega, nace ca mesma vontade ca que Don Juan García Naveira construíu dita Casa no Parque do Pasatempo.
Se o Parque pretendía ser un alegato ao coñecemento e á educación -nunha das moitas narrativas que nos pode aportar o lugar- a Casa dos Espellos era un dos divertimentos deste xardín no que o visitante atopaba unha realidade deformada dende diferentes puntos de vista, con espellos cóncavos e convexos que devolvían unha imaxe real e ao mesmo tempo diferente do que tiñamos diante.
É por iso que cremos necesario a publicación desta Revista de carácter científico, onde teñan cabida moitos deses traballos que nos aporten novas visións sobre todo o mundo que xira baixo os nosos pés. Novos puntos de vista e novas formas de narrar todo o que está a acontecer."
Fonte: casadosespellos.wordpress
Moito queda dito con este texto. So añadir que tiven a sorte de participar nesta revista de investigación con total liberdade creativa, pode que fora o traballo de deseño ao que máis cariño lle adiquei, por cercano, por realizarse con amigos e por ser unha das propostas que máis admiro en torno ao meu amado Pasatempo, a obsesión deste Quijote no que a vida me transformou.
O compañeiro de loitas pasatiemperas, Ángel Arcay, deixoume presenciar o parto da súa filla. Fun encargado de maquetar, deseñar e aportar ilustracións que desen cor ás portadas de cada artigo. Subirei as imaxes que creei a maiores das portadas, explicando algo de todas elas, por simple diario de abordo onde deixar anotadas esas ideas que perseguín en cada caso, pero tamén por si a alguén lle interesase unha merda o que pode maquinar este humilde ilustrador (o de humilde é mentira, son todo ego)
No artigo de Ángel: "Bibliografía sobre o Parque do Pasatempo (1900 - 2017)", preséntasenos un listado de publicacións que falan en maior ou menor medida do parque. Vin a Ángel dende o primeiro momento buscando, querendo coñecer e removendo todo o removible para saber, para acadar sacar á luz ese discurso propio do parque que sempre creu que existía, a idea da ilustración serviría tanto para ilustrar o artigo como o traballo deste currante.
Quixen facer unha imaxe moi limpa, homenaxeando a un dos mellores ilustradores españois, Pablo Amargo. Varios libros conforman, xa sexa a través da súa cuberta ou páxinas interiores, esa imaxe completa do parque, o seu nome. Sen máis, idea sinxela que tenta ser directa.
Co artigo de Jorge: "El regreso de los indianos", tirei de collage dixital, empreguei un anuncio real dunha das moitas rutas marítimas empregadas polas persoiñas que quixeron facer as américas. Sobre el preséntanse as siluetas de Europa e Sudamérica, a flecha, conformada por palabras clave como indianos, miseria ou morriña, presenta a viaxe, tantas veces so de ida.
En "Una aproximación al origen medieval de la Feria Franca de Betanzos", Paula fálanos dun Betanzos antigo de murallas, reises e feiras. Tirando de imaxes moi familiares e icónicas como o rei da baralla española ou a ponte do escudo betanceiro, e coroando o conxunto na parte superior con banderolas, recurso das modernas feiras medievais horteras e sen clase que enchen as nosas vilas e pobos, tentei facer, de novo, unha imaxe sinxela e sen maior complicación.
Edu escribiu "Os García Naveira, dous paradigmas dun indiano", de novo presente a temática indiana, aqueles americanos e a comunicación co terruño a través desas cartas que fan cambiar o escudo de Argentina, deixando a un lado o saúdo masón e entregando cartas dun lado do océano ao outro. Outra imaxe icónica apenas modificada.
"O traxe como fonte de información: modo de vida, importancia social e datación das fotografías do Parque do Pasatempo" amósanos como a nosa compañeira Sara analiza e logra datar as antigas fotografías do parque gracias ás roupas que levaban os seus protagonistas. Equiparo a imaxe dos patróns e a da fotografía do parque, ambos son conxuntos, partes que conforman o todo como os libros da primeira ilustración. O corte do patrón deixa á vista unha serie de prendas e datas que gardan relación co texto.
"A arte no Pasatempo de Betanzos. Un templete de catálogo" foi a achega doutro admirado amigo da asociación, Dani. De novo mutei o meu estilo para achegarme á obra doutro autor ao que admiro, neste caso a iraní Marjane Satrapi, creadora de cómics simplemente xeniais, coñeceredes a súa obra máis famosa, "Persépole". Masas e liñas negras, debuxo sen adornos superfluos que non aporten nada. E un único xogo na imaxe, o libro da famosa estatua dos irmáns García Naveira presenta un novo texto, no tomo está a clave que nos leva lonxe, ao Val D´Osne. Bon voyage!
Ah! o texto superior, "N´est-ce pas de l´art?" é un guiño ao "Ceci n'est pas une pipe" do famoso cadro do surrealista René Magrit. Juan e Jesús pregúntanse se aquilo, o Pasatempo, non é arte. Lean e pillen o significado.
Ah! o texto superior, "N´est-ce pas de l´art?" é un guiño ao "Ceci n'est pas une pipe" do famoso cadro do surrealista René Magrit. Juan e Jesús pregúntanse se aquilo, o Pasatempo, non é arte. Lean e pillen o significado.
Ernesto aportou un dos traballos ao que tanto partido sacamos (e tanto amamos) os/as pasatiemperas/os, a presentación dun material gráfico xenial, o do Arquivo Fotográfico do Museo de Pontevedra. O traballo chámase "O Parque do Pasatempo no arquivo gráfico do Museo de Pontevedra", as imaxes son obras de Loty e Ferrer, e así, como vedes na imaxe, cun deseño sinxelo a máis non poder e tirando dun claro anacronismo, unín as firmas dos autores cun tipo de negativo fotográfico posterior ás fotos.
Fixen todas as ilustracións sen ler os artigos completos, botaba un ollo aos resumos e fixen algunha pregunta aos autores, quería facer deseños que non puidesen redundar no contido, e decidín que para facelo nada sería mellor que debuxar sobre unha base de coñecemento máis ben escasa. Curiosamente este era o artigo que máis ganas tiña de ler e o último que caeu, case un ano despois da súa publicación (devorei o resto ao pouco de estar rematada a maqueta). "Fontes documentais arredor dos García Naveira: obras pública do Parque do Pasatempo no Arquivo Municipal de Betanzos" amosa un curro que imaxino áspero. Escrito a catro mans por Dani e Ángel, compañeiros de elucubracións, charlas e risas mil, aportan un traballo clave para entender o parque, non volo perdades, de novo, como o traballo de Sara, serven para situar datas nas diferentes fases do parque, igual é unha obsesión persoal, pero coñecer datas de todo este parque tolo, permitirá contestar a moitas respostas. Maquetar este artigo voltoume tolo, Dani é moi toc :P
A portada de novo é moi sinxela, unha imaxe de fondo, uns documentos notariais de fincas, roto por un oco, un espacio en branco, unha nada que se enche con este artigo, xa que esa silueta branca é o perímetro do Pasatempo.
Por último explicarei algo das outras imaxes. Sobre o índice aparece un préstamo, copio unha pequena xoia, un escudo de Betanzos realizado polo xenial Camilo Díaz Baliño, pai do celebre Isaac Díaz Pardo, para o cartel das festas betanceiras do 34. Camilo morrería a mans dos militares golpistas. Sirva esta pequena achega para remover un pouco máis nese pasado que debe de darnos coñecemento e memoria histórica.
Ainda que pase desapercibido, o índice aparece dentro dunha cenefa, a mesma que envolvía os mosaicos de azulexos que adornaban os muros da Casa dos Espellos, non os ensino porque para velos teredes que estar atentos á Casa dos Espellos, o número 2 trae primicias das boas, das culturais, preparádevos que a segunda superará á primeira. A idea de mosaico, varias pezas conformando un todo, e un todo inexplicable sen as partes, volve, de novo e involuntariamente, a aparecer na miña cabeza a mesma idea. un índice é exactamente iso, amosar as partes que forman o todo, xusto como vemos o parque.
Para a dobre páxina das palabras clave botei man do rincón máis fotografiado con permiso do León Colosal, o muro das horas. Xusto tivemos 39 palabras clave, 41 esferas, nunha, na maior, na principal, puxen o texto PALABRAS CLAVE para dar unha explicación ao lector de ante que diaños estaba, unha esfera non tiña cartela dende facía moitos anos, eu creía que nunca chegaramos a ter fotos do nome da cidade que houbera ahí. Na miña mente, obsesionada con coincidencias de números e nomes, aparece a puta cuadratura do círculo nesta casualidade, 39 palabras para 39 reloxos. Estas chorradas cósmicas desmóntanse cando, observando fotos vellas atopei que ese cartel si existiu e está en fotos que non vira den hai tempo. :P
Cada páxina par está coroada por esta cabeza dun putto (palabras que aprende un con Dani), digamos que se trata dun querubín ou anxelote. Estas figuras formaban parte das falsas columnas que tiñan en fachada as casas dos Espellos e Taquilla.
Para rematar subo unha das ilustracións na que máis esforzos puxen na miña vida. Moita ralliña de dios e moito traballo de observación de mil fotos diferentes para encaixar detalles. Un pracer facela, gracias Dani por pedirma, os retos son o que mellor nos ven a calquera.
Para recrear a plantilla orixinal do Val D´Osne tirei das numerosas imaxes que Dani rescatou de internet.
Para debuxar o templete orixinal do parque tirei das numerosas fotos, antigas e modernas, e zoom, moito zoom e moita paciencia.
A portada surxiu dun xeito fotuito, o mellor dos camiño sempre o marca o azar. Na imaxe superior vemos como Dani foi garabateando os cambios que observaba nunha impresión da plantilla do templete do Va D´Osne, Ángel soubo ver a innegable forza da imaxe e propuxo que fora a portada. Inmellorable decisión. Aquí tedes o resultado, unha única imaxe xestada por tres persoas, a unión de esforzos e a paixón sempre serán as nosas ferramentas máis fortes.
Para rematar quero deixar claro que foi a experiencia, a nivel ilustrador/maquetador, máis profesional na que participei. Un organigrama profesional, texto revisado e corrixidos que evitaron cambios e aumento de horas de traballo para o maquetador (o pringao que sempre paga o pato da indecisión e cambios de correccións a destempo). En fin, un placer, fun un apaixoado encargado da parte gráfica, como lector aprendín e desfrutei moito, para o seguinte número pásome ao bando dos plumillas, xa subirei aquí algo sobre próximos números desta criatura tan currriña.
Nada máis, protexamos o noso, loitemos contra as políticas xenocidas antipatrimonio, paz e Pasatempo.
Nada máis, protexamos o noso, loitemos contra as políticas xenocidas antipatrimonio, paz e Pasatempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario